IMG_5953

Especies da Ría de Pontevedra: Pescada

In Novas by Amaya0 Comments

Retomamos a nosa sección “Especies da Ría de Pontevedra” para falar do peixe branco por excelencia, a pescada, que podemos atopar durante todo o ano en lonxas e prazas de abastos. No que vai de ano nas lonxas da Ría de Pontevedra (Bueu,  Campelo, Marín e  Portonovo) poxáronse un total de 95.023,54 Kg de pescada, sendo as lonxas de Marín e  Portonovo as que máis contaron con ela nas súas poxas.

Imagen relacionada

A pescada,  Merluccius  merluccius, é un peixe óseo de corpo alongado e  cilíndrico de cor gris no dorso, prateado nos flancos e esbrancuxado no ventre. O seu corpo, duns 70 cm de lonxitude, está cuberto de pequenas  escamas e posúe unha cabeza ancha na que se atopa unha boca alongada con numerosos dentes afiados (dúas filas de dentes na mandíbula inferior e unha na superior, sendo o interior de cor negra).

Dispón de dúas aletas dorsais, unha curta e triangular con 8 – 11 radios brandos, e outra longa con 35 – 40. A aleta anal é similar en lonxitude á segunda aleta dorsal, polo que conta con 36 – 40 radios brandos. Tamén ten dúas aletas  ventrais, con 7 radios brandos, situadas antes que as  pectorais, as cales contan con 12 – 14 radios. A aleta caudal posúe unha forma recta (homocerca).Resultado de imagen de merlucius merlucius

En canto ao seu  hábitat, a pescada vive en fondos  fangosos, a profundidades de 30 a 1000 metros, aínda que o máis común é que se atopen a unha profundidade de entre 70 e 340 metros. No verán, achéganse á costa, mentres que durante o inverno afástanse do litoral cara a augas máis frías e profundas. Aliméntanse de crustáceos, luras e especies  pelágicas (anchoas,  arenques…).

Reprodúcese en grupos a finais de inverno e primavera, alcanzando a  madured sexual aos 40 cm de lonxitude no caso das femias. Tras a desova e  eclosión, os alevíns do mesmo xeito que os ovos son  pelágicos, unha vez van crecendo trasládanse preto da plataforma continental.

A súa distribución é ampla, podendo atopala a ambos os dous lados do Atlántico, no Mediterráneo e no Pacífico, fronte ás costas de Estados Unidos, México, Chile e Nova Zelandia.

Na súa captura por parte da pesca artesanal, esta realízase con artes de  enmalle, como o  trasmallo, ou con palangre (“pescada do pincho”).

Deixe o seu comentario